Congresos do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Ramón Sarmiento: «O espazo de Comisións Obreiras non o vai ocupar ninguén»

  • As delegadas e delegados que participan no 12.º Congreso aprobaron o informe balance da Comisión Executiva Nacional saínte

As delegadas e delegados que participan no 12.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia aprobaron hoxe por maioría o informe balance da Comisión Executiva Nacional saínte. Na defensa do documento, o secretario xeral saínte, Ramón Sarmiento, fixo unha firme defensa do sindicalismo combativo que forma parte do acervo da organización. «O espazo de Comisións Obreiras non o vai ocupar ninguén», incidiu o sindicalista, quen xa confirmou que non optará á reelección.

20/05/2021.
Un momento da votación

Un momento da votación

Sarmiento comezou a defensa do informe agradecéndolles o seu labor a todas as persoas que compoñen as CCOO de Galicia. «Este traballo colectivo e comprometido está na cerna da nosa organización e foi fundamental nestes catro anos», resaltou.

O secretario xeral sinalou o «contexto inédito» do proceso congresual, «marcado pola incerteza da pandemia global e traumática xerada pola covid-19». Esta doenza «situou en primeira liña os colectivos que son realmente esenciais», entre os que citou o persoal de limpeza, traballadoras dos supermercados, dos servizos sociais, persoal sanitario ou a atención á dependencia. Actividades «en moitos casos precarias, mal pagadas e altamente feminizadas», sinalou.

A irrupción da pandemia e as súas consecuencias «supuxeron un gran reto» para o sindicato e a organización afrontouno «con enorme compromiso e profesionalidade, establecendo medidas de protección sanitaria que garantiron a saúde das persoas e o funcionamento do sindicato como servizo esencial», expuxo Sarmiento.

Na súa opinión, as consecuencias económicas derivadas da pandemia «van ser moi duras», polo que cómpre responder xa se a saída da crise «se artellará mediante un plan de recuperación que obrigue a unha presenza palpable do Estado, coa súa intervención na economía e garantindo os dereitos e piares do estado do benestar para evitar novas exclusións na recuperación».

As propostas de CCOO

Fronte a unha patronal e uns poderes económicos que teiman nos recortes e en que sexa a clase traballadora a que pague o pato da crise, CCOO expón neste Congreso Nacional a alternativa do sindicalismo de clase.

«As nosas propostas son claras», defendeu Sarmiento: derrogación da reforma laboral do PP e a súa substitución por un novo pacto; unha reforma fiscal que aumente a recadación, reforce os servizos públicos e a protección social; garantir o sistema público de pensións, tanto as actuais como as futuras; combater a fenda salarial e a segregación ocupacional que padecen as mulleres.