Congresos do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO celebra o seu 12.º Congreso Nacional baixo o lema «Con decisión para avanzar»

  • Terá lugar os días 20 e 21 de maio en Santiago de Compostela, coa participación de 151 delegados e delegadas e entre estritas medidas sanitarias pola covid-19

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia celebra os días 20 e 21 de maio o seu 12.º Congreso Nacional, baixo o lema «Con decisión para avanzar». Durante dúas xornadas, 151 delegados e delegadas reuniranse no máximo órgano do sindicato e debaterán o informe balance da Comisión Executiva saínte e o informe da Comisión de Garantías, así como outros documentos congresuais. Finalmente, na segunda sesión elixirán os órganos de dirección (Secretaría Xeral e Comisión Executiva), as persoas que se encargarán da Comisión de Garantías, así como a delegación galega para o Congreso Confederal, que terá lugar en Madrid no mes de outubro.

19/05/2021.
12.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Con decisión para avanzar

12.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Con decisión para avanzar

Como se indicou, neste Congreso participarán 151 delegados e delegadas, dos cales o 53,64 % son homes e o 46,36 % mulleres. Por delegacións, as organizacións territoriais e as federacións achegan 71 delegadas e delegados cada unha, correspondendo os 9 delegados e delegadas restantes á Comisión Executiva Nacional saínte.

Canto aos territorios, os que achegan maior número de delegadas e delegados son a Unión Comarcal de Vigo (16), a Unión Comarcal da Coruña (14) e a Unión Comarcal de Ferrol (12). No que atangue ás federacións nacionais de rama, as delegacións máis numerosas corresponden á Federación de Industria (20), á Federación de Servizos á Cidadanía (16) e á Federación de Servizos (11).

Debido á situación sanitaria, o Congreso desenvolverase baixo estritas medidas de seguridade no que repecta ao cumprimento dos procotolos covid e á circulación de persoas nos espazos en que se reunirá o máximo órgano do sindicato.

Retransmisión

As afiliadas e afiliados poderán seguir a retransmisión do Congreso desde a canle de YouTube do sindicato, nas ligazóns que acompañan esta nota informativa.