Congresos do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Informe balance da Comisión Executiva Nacional

    Iniciamos este informe-balance agradecéndolles a todas as persoas, sindicalistas e persoal do Sindicato Nacional, o seu traballo a prol do desenvolvemento das Comisións Obreiras de Galicia. Este traballo colectivo e comprometido está na cerna da nosa organización e foi fundamental nestes catro anos.

    12/05/2021.
    Informe balance da Comisión Executiva Nacional que se someterá ao debate no 12.º Congreso Nacional

    Informe balance da Comisión Executiva Nacional que se someterá ao debate no 12.º Congreso Nacional

    A afiliación é a decisión que manifesta a confianza das traballadoras e os traballadores na nosa capacidade, e os delegados e delegadas comprométense e asumen a representación colectiva baixo as nosas siglas, transmitindo nas empresas e centros de traballo as nosas propostas e, sobre todo, a nosa identidade como organización seria e rigorosa na defensa da clase traballadora. 

    Afiliación, delegados e delegadas, persoal laboral e as persoas que facemos parte dos órganos de dirección conformamos esta organización, as Comisións Obreiras, que son o mellor instrumento para facer fronte á cobiza, a desigualdade e as ameazas autoritarias que cada día están máis preto.

    A defensa dos nosos principios fundamentais opera nos diferentes escenarios en que actuamos en cada momento, e a nosa obriga é intervir neles e gobernar esta organización na procura da mellor e máis eficaz resposta.

    Iniciamos os procesos congresuais das diferentes estruturas do Sindicato Nacional nun contexto inédito, marcado pola incerteza da pandemia global e traumática xerada pola covid-19. Pandemia que nos golpeou con dureza, arrebatando as vidas de familiares, amizades e miles de persoas, e que empurrou o noso sistema sanitario público ata o bordo do colapso. Esta pandemia situou en primeira liña os colectivos que son realmente esenciais: persoal de limpeza, traballadoras dos supermercados, dos servizos sociais, persoal sanitario, xeriatría, atención á dependencia e aos coidados … actividades en moitos casos precarias, mal pagadas e altamente feminizadas, que conseguiron manter as condicións de vida básicas da poboación en tempos de confinamento.

    A irrupción da pandemia e as súas consecuencias supuxeron un gran reto para sindicalistas e persoal laboral. Todas e todos comprendemos desde o principio que era imprescindible combinar a protección fronte ao virus e as limitacións da mobilidade coa atención á afiliación, conscientes da importancia do noso traballo en tempos de dificultades e incertezas para as persoas traballadoras.

    Afrontamos este reto con enorme compromiso e profesionalidade, establecendo medidas de protección sanitaria que garantiron a saúde das persoas e o funcionamento do sindicato como servizo esencial.

    As consecuencias económicas derivadas da pandemia van ser moi duras: a crise de oferta e de consumo, con problemas de liquidez para moitas empresas, derivará nunha crise de emprego. 

    Neste marco dilucidarase, en esencia, se a saída da crise se artellará mediante un plan de recuperación que obrigue a unha presenza palpable do Estado, coa súa intervención na economía e garantindo os dereitos e piares do estado do benestar para evitar novas exclusións na recuperación.

    Non vai ser doado. Conxúganse moitos intereses para que as cousas non muden. O sindicato ten ben clara a necesidade de construír un novo modelo en que todo o tecido social, a reestruturación do sistema produtivo, a aposta pola innovación, a tecnoloxía e a industria, a economía verde, a loita contra o cambio climático e o emprego de calidade sexan claves de futuro.

    Tamén estará en disputa, dada a agresividade que manifestan os poderes económicos e mediáticos a través da dereita política, a calidade do noso sistema democrático, cando non a súa estabilidade.

    Hai que destacar a actuación do Goberno do Estado e o valor do diálogo social no acordo de medidas de contención e intervención a través do investimento público, co fin de lograr un certo equilibrio social e económico que puidese frear, ata o de agora, os peores augurios.

    Malia todos os nosos esforzos, a desigualdade aumenta, os salarios non se recuperan, a pobreza das persoas desempregadas agrávase e mesmo convivimos coa pobreza asalariada. As persoas novas non atopan saídas de emprego e de vivenda, instaladas na frustración ante unha sociedade sen ofertas de futuro viable.

    A mobilización a favor dunha recuperación inclusiva e do fortalecemento da nosa democracia é fundamental, tanto para conter a dereita económica, mediática e política como para garantir que o Goberno apuntale a súa expresión máis social.

    Dende CCOO xa viñamos traballando no goberno das transicións, a dixitalización e o tránsito a unha economía baixa en emisións, retos presentes e inadiables que nos obrigan a seguir intervindo dende unha situación económica complicada e dependente de importantes investimentos públicos para afrontalos.

    As nosas propostas son claras; levamos tempo reclamándoas e mobilizándonos porque serán os eixes do futuro inmediato: 

    A reforma laboral, que significou o maior ataque aos dereitos da clase traballadora perpetrado polo goberno do PP, debe substituírse por outra reforma que recupere un marco garantista, os salarios e o valor da negociación colectiva. É imprescindible revisar a correlación de forzas rota para poder abordar novos dereitos laborais diante dos riscos derivados da dixitalización, o traballo a distancia e o crecemento da precariedade. Precisamos outro marco normativo para afrontar este futuro inmediato, con normas claras de contención e limitación. Xa estamos vendo as actuacións indecentes da banca, e outros seguirán o mesmo camiño.

    Cómpre unha reforma fiscal que aumente a recadación e non se cebe nas persoas traballadoras, exonerando as grandes empresas e corporacións. O sistema actual alimenta as desigualdades fronte ás nosas propostas de redistribución máis xusta e equitativa das cargas fiscais.

    Garantir o sistema público de pensións será o grande elemento redistributivo da riqueza e, en moitos casos, de sustentabilidade social de todo un país que precisa asegurar as pensións actuais e futuras. Defender e estender ese sistema é apuntalar un dos piares básicos do estado do benestar, xunto coas prestacións por desemprego, a revisión das políticas dos coidados e a atención á dependencia.

    Queremos salientar que estes anos estiveron moi marcados pola mobilización das mulleres, do movemento feminista e do sindicato, que puxeron en evidencia a persistente desigualdade na sociedade e no mundo do traballo, a violencia de xénero e o acoso en todas as súas formas. Son cuestións pendentes de resolver e obxectivo de ataque da ultradereita e o fascismo, sempre co punto de mira posto nos dereitos das mulleres.

    A eliminación da fenda salarial, a segregación ocupacional, a feminización dos coidados e os seus efectos na vida laboral das mulleres deben afianzarse como elementos transversais da nosa acción sindical. Como veremos máis adiante, a incorporación das mulleres afiliadas e delegadas ás CCOO lánzanos unha mensaxe.

    Este balance, elaborado polo conxunto da Comisión Executiva do Sindicato Nacional, reflicte a maior parte do traballo desenvolvido nestes catro anos. A intención é poñelo en valor diante da organización, pero tamén esbozar liñas de traballo que, partindo dos feitos, avancen cara ás tarefas futuras, e algunhas se apuntan aquí. 

    Nel reflíctense as preocupacións que entre todas e todos identificamos no 11º Congreso e ás que, en cumprimento dese mandato congresual, intentamos dar resposta:

    -        As finanzas

    -        A recuperación da afiliación 

    -        Os retos e organización propios

    -        O patrimonio sindical acumulado

    -        A representación do sindicato a través das eleccións sindicais

    -        As asesorías xurídicas e os servizos que prestamos

    -        A acción sindical: a capacidade de mobilización e negociación

    -        A intervención en materia de emprego e protección social

    -        A xuventude

    -        As mulleres e a igualdade

    -        A formación sindical

    -        A saúde Laboral

    -        O medio ambiente

    -        A comunicación da organización e o seu reflexo nos medios

    -        O noso papel institucional nos órganos de participación

    -        A Fundación 10 de Marzo

    O balance das diferentes secretarías que se recolle neste informe é unha síntese dunha inxente tarefa. Entre todos e todas, e con diferentes estilos, fomos compoñendo unha boa e afinada orquestra.