Congresos do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Lucía Trenor, reelixida secretaria xeral de CCOO-Servizos

  • «A tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas, non as persoas escravizadas a través das tecnoloxías», salientou a sindicalista

Lucía Trenor foi reelixida secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia. Así o decidiron hoxe, na Coruña, as delegadas e delegados que participaron no 3.º Congreso da Federación, que deron o apoio unánime á candidatura de Trenor. Pola súa parte, a Comisión Executiva foi electa co 98,21 % dos votos favorables.

03/05/2021.
Lucía Trenor, secretaria xeral de CCOO-Servizos

Lucía Trenor, secretaria xeral de CCOO-Servizos

Daquela, a nova dirección de CCOO-Servizos conformarana Lucía Trenor, Juan Zas, Isabel Rodríguez, Arturo Cruzado, Ángela Junco, Ignacio Castro, Rocío Blanco, Jorge Carneiro e Gloria Alonso.

O informe de xestión presentado por Trenor logrou tamén un total consenso, pois foi aprobado por unanimidade. A secretaria xeral marcou como prioridade «procurar a coordinación da organización e da acción sindical no ámbito autonómico» para axudar as persoas traballadoras dos sectores que integran a Federación de Servizos, «moi castigados durante a pandemia».

Trenor tamén incidiu na «necesidade de influír» nos procesos de transformación dixital, para evitar a destrución de emprego ou o empeoramento das condicións laborais. «A tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas, non as persoas escravizadas a través das tecnoloxías», salientou.

Ademais , pediu a implicación do conxunto do sindicato para «seguir defendendo as políticas de igualdade» e corrixir así as fendas que existen no ámbito laboral e social, «que se agravan en cada crise, deixando as mulleres desprotexidas». Lembrou que os traballos con maior porcentaxe de mulleres «seguen a estar mal pagados e con condicións de temporalidade e parcialidade máis elevadas. Hai que dignificar e revalorizar os empregos feminizados», insistiu.

A Federación

CCOO-Servizos abrangue os sectores financeiro, comercio, hostalaría e servizos técnicos. Ten máis de 7600 persoas afiliadas e 746 delegados e delegadas sindicais en toda Galicia, que negocian 35 convenios sectoriais.

Convidadas ao Congreso

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a directora xeral de Traballo do Goberno de España, Verónica Martínez Barbero, enviaron un saúdo telemático ás delegadas e delegados deste Congreso. Tamén asistiron presencialmente o secretario xeral estatal da Federación, Chema Martínez, así como unha ampla delegación do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, encabezada polo secretario xeral, Ramón Sarmiento.