Congresos do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Carlos Mella foi reelixido secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO

  • Pide investigar a xestión nas «macrorresidencias» de maiores «por todo o sufrimento causado e por xustiza»

O 10.º Congreso Nacional da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia reelixiu a Carlos Mella Teijo como secretario xeral, responsabilidade que leva exercendo desde o ano 2012. Acompáñano na Comisión Executiva Lois Uxío Taboada Arribe, Xoán Carlos Aneiros Rico, Dolores Varela Muñoz, Francisco Cuba Couzo, Isabel Mouriño Armesto e Carmen Nores Maquieira.

21/04/2021.
Nova Comisión Executiva da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO

Nova Comisión Executiva da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO

O 1.º de Maio, defender o Estado do benestar

O secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Ramón Sarmiento, interveu na inauguración do Congreso para reivindicar a «débeda esencial» da sociedade coas persoas maiores, que no caso de Comisións Obreiras «teñen un plus pola súa traxectoria de loita e reivindicación».

Sarmiento loou o traballo desempeñado polas persoas pensionistas e xubiladas de CCOO, «pois defendedes cada día o convenio colectivo máis importante: o sistema público de pensións».

Na súa intervención, o secretario xeral de CCOO tamén criticou os recortes na sanidade pública e a xestión das residencias privadas da terceira idade durante a pandemia, ao tempo que instou a defender o estado do benestar «de que gozamos grazas á loita das vosas xeracións». En defensa destes obxectivos, instou a dar unha «resposta masiva nas rúas» o próximo 1.º de Maio.

Investigar a xestión nas residencias

Após ser reelixido secretario xeral da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO, Carlos Mella, acompañado da súa Comisión Executiva, dirixiuse ás delegadas e delegados para recalcar a necesidade de «derrogar de vez» tanto a reforma das pensións como as reformas laborais.

Así mesmo, fixo unha firme defensa da sanidade pública, que durante esta pandemia amosou a súa importancia, e chamou a participar nas mobilizacións que SOS Sanidade Pública —plataforma da que forma parte CCOO— convocou en toda Galicia para este mércores.

Mella defendeu tamén a lei de dependencia e instou os poderes públicos a densenvolvela na súa totalidade, con recursos abondos para que todas as persoas con dereito a unha prestación a teñan canto antes.

Por último, esixiu revisar o modelo das «macrorresidencias» de maiores, «en moitos casos convertidas en aparcadoiros de dependentes», e investigar o que nelas aconteceu durante a pandemia. «Por todo o sufrimento causado e por xustiza», incidiu.